Acto de presentación da nova edición do Galician Freaky Film Festival

O xoves 13 de febreiro ás 12.00 no Hotel Bahía de Vigo, terá lugar a presentación oficial da nova edición do Galician Freaky Film Festival

A organización dará a coñecer as datas nas que terá lugar o evento así como as bases para a presentación de traballos na nova edición 2020 do Galician Freaky Film Festival, o certame máis freak e gamberro da cidade e de Galicia.

Abella Producións, organizadora do Galician Freaky Film Festival, dará a coñecer este xoves 13 de febreiro no Hotel Bahía (Rúa Cánovas del Castillo, 24, Vigo) as datas nas que terá lugar o evento así como as bases para a presentación de traballos na nova edición.

Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de “completo” en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis a sala Videodrome e a cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O mellor do peor da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo. Cabe destacar que na edición de 2019 volvéronse a bater as cifras de películas recibidas con máis de 200 cintas, chegadas dende lugares tan diversos coma Chile, Ucraína, EUA, Senegal, México, Arxentina, Alemaña ou Brasil. Algo que demostra que os xéneros clásicos máis pulp: a fantasía, a ciencia ficción, o terror, o gore e toda a serie B en xeral, seguen a ser un éxito.

O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.