| O Galician Freaky Film Festival dedica á súa novena edición aos mad doctors coa proxección de catro filmes de culto: The Rocky Horror Picture Show, Young Frankenstein, Bride of Re-Animator e X: The Man with the X-Ray Eyes.
| Os abonos e entradas para as longametraxes xa están dispoñibles na web do Galician Freaky Film Festival.
06.08.2025 | O Galician Freaky Film Festival continúa a desvelar os ingredientes da súa novena edición, que terá lugar entre o 19 e o 27 de setembro no C.C. Plaza Elíptica de Vigo. Logo de anunciar que a temática central deste ano xirará arredor dos Mad Doctors, os científicos tolos máis lendarios do cinema, o festival confirma agora a distribución das longametraxes principais da súa programación, coincidindo cos aniversarios dalgúns títulos icónicos do xénero.
Desde hoxe o festival pon á venda as entradas para as catro longametraxes protagonistas desta edición: The Rocky Horror Picture Show, Young Frankenstein, Bride of Re-Animator e X: The Man with the X-Ray Eyes. Tamén están xa dispoñibles os abonos VIF (Very Important Freak) que dan acceso a todas as proxeccións do festival, así como ao GFFF online.
A sesión inaugural, o venres 19 de setembro, virá marcada por unha dobre sesión que conxugará comedia e gore coa proxección de dúas xoias de cine freak. O GFFF celebra o 50º aniversario de Young Frankenstein (estreada en España como El jovencito Fankenstein), obra mestra de Mel Brooks que parodia os clásicos do terror, e os 35 anos de Bride of Re-Animator (La novia de Re-Animator), secuela de culto da icónica Re-Animator, onde os límites da ciencia e da moral explotan en carne e vísceras a mans do inesquecible doutor Herbert West.


O domingo 21, o público terá a oportunidade de gozar da proxección de X: The Man with the X-Ray Eyes (El hombre con rayos X en los ojos), filme do que celebra o 60º aniversario e que simboliza a fusión entre ciencia ficción e crítica social con baixo orzamento e imaxinación desbordante. A sesión servirá para render homenaxe ao seu director, Roger Corman, falecido en 2024 e unha das figuras máis influíntes do cinema independente e de serie B.

A clausura do festival, o sábado 27, será unha gran festa freak coa proxección da xa anunciada The Rocky Horror Picture Show, que tamén celebra o seu 50 aniversario. O provocador musical, que protagoniza o cartel, servirá como broche de ouro logo da entrega de premios da novena edición. A proxección contará coas habituais sorpresas escénicas e co ambiente desinhibido que o GFFF leva anos alimentando.

Young Frankestein, Mel Brooks, 1974 – Venres, 19 de setembro, ás 19:00 (VOSE)
Bride of Re-Animator, Brian Yuzna, 1990 – Venres, 19 de setembro, ás 22:30 (VOSE)
X: The Man with the X-Ray Eyes, Roger Corman, 1965 – Domingo, 21 de setembro, ás 21:00 (VOSE)
The Rocky Horror Picture Show, Jim Sharman, 1975 – Sábado, 27 de setembro ás 21:30

