O Galician Freaky Film Festival proxectará cerca de 40 curtametraxes

A primeira edición do Galician Freaky Film Festival proxectará cerca de 40 curtametraxes galegas, nacionais e internacionais

  • Na nova edición do Galician Freaky Film Festival poderanse ver desde o 25 ao 27 de outubro un total de 38 curtametraxes galegas, nacionais e internacionais
  • A sección internacional está formada por 5 obras de países tan diversos como Reino Unido, Arxentina, Paraguai, México, EE.UU e Grecia
  • As pezas abranguen diferentes rexistros coma o humor, a ciencia ficción e o terror, pero todas teñen un transfondo común: o frikismo
  • O Galician Freaky Film Festival terá lugar na Sala Videodrome, en Progreso 41, deseñada especialmente para a ocasión e que contará cunha barra, máquinas recreativas, moito cine de serie B, a exposición de “horror art” do vigués Josef Méndez  e grandes temas musicais da man de Joao Tomba e o grupo Alféizar

Despois de recibir máis dun cento de filmes a concurso, a organización do Galician Freaky Film Festival decidiu seleccionar un total de 38 curtametraxes que serán as encargadas de formar a sección oficial desta nova edición do festival máis friki de Galicia.

Así, entre o 25 e o 27 de outubro poderanse ver en Vigo non só filmes galegos, senón tamén pezas nacionais e internacionais cheas de humor, misterio, terror e, por suposto, unha boa dose de zombies.

As curtametraxes do Galician Freaky Film Festival

As curtametraxes da nova edición do Galician Freaky Film Festival dividiranse por sesións acordes coa temática ou a procedencia das cintas, no caso das pezas internacionais.

Así, para o día da inauguración, o xoves 25 pola tarde terá lugar o primeiro dos bloques chamado Humor Freak Vol. I e onde se poderán ver filmes como Bienvenido al infierno, de Simón Fariza que relata, con moito humor, o temido momento no que un rapaz ten que coñecer a familia (pouco convencional) da súa moza ou Loot, de Pablo Medina, unha curtametraxe que inclúe a tres atracadores de bancos, unha caixa forte, un novato para abrila e unha realidade que se rexe polas regras dos videoxogos.

O primeiro día do festival rematará co bloque Sesión Typical Spanish  e con obras como Amancio, vampiro del pueblo, de Alejo Ibañez ou El escarabajo al final de la calle, de Joan Vives Lozano, no que Amadeo recibe unha inquietante premonición: á súa filla peixeira quédanlle sete días de vida.

No ecuador do Galician Freaky Film Festival terán lugar tres sesións: Humor Freak Vol. II, Noite de Ciencia Ficción e, por último, Noite de Arrepío. Na primeira delas proxectaranse filmes como Una vida de mierda, de Jaime Sería, que mostra as aventuras e desventuras dun váter namorado ou Z Fest, de David Cordero, onde unha parella discute nunha tenda de campaña mentres están rodeados de zombis.

O segundo dos bloques previstos para o venres ten coma denominador común a ciencia ficción e deste xeito as obras tratarán historias como a de un cosmonauta ruso que viaxa ao espazo exterior en Sputnik, de Vicente Bonet, pero no que tamén haberá tempo para ver como é a vida na terra en 2060 da man de José Antonio Campos Aguilera, director de El origen.

A noite do venres rematará cun bloque no que o terror de serie B será o principal protagonista. Así, todos os asistentes poderán ver fenómenos paranormais, noites de Halloween terroríficas e moito misterio en filmes como Rewind, de Rubén Pérez Barrena; Aprieta pero raramente ahoga, de David Pérez Sañudo ou 9 pasos, de Marisa Crespo e Moisés Romera.

O derradeiro día do Galician Freaky Film Festival estará dedicado ás sesións Frikismo do País onde se mostrarán pezas galegas cun claro compoñente freak como Maullidos de latex, de Brian Rodríguez Cortiñas, que trata da vida dun home que recobra o seu optimismo poñéndose unha máscara de gato e International Freak Session, un bloque coas mellores curtas internacionais de países como Reino Unido, Arxentina, Paraguai, Suecia, México, EE.UU. e Grecia.

En definitiva, a primeira edición do Galician Freaky Film Festival (a anterior foi a 0) visibilizará o traballo de creadores de todo o mundo. As obras poderanse ver na sala Videodrome, en Progreso 41 a prezos populares e a oferta completarase cunha serie de actividades paralelas como a exposición de “art horror” do vigués Josef Méndez ou dous concertos con selo vigués: o do rockeiro Joao Tomba e Alféizar, un grupo moi coñecido da cidade.

 

Deixa unha resposta