I A sexta edición do Galician Freaky Film Festival xa ten datas confirmadas: o 23 e 24 de setembro e do 28 de setembro ao 1 de outubro.
I O festival abre hoxe o prazo para a inscrición de curtas e longas freaks que queiran participar na súa próxima edición.
14.01.2022 Os cineastas de calquera nacionalidade xa poden enviar as súas pezas máis freaks ao GFFF, que acaba de abrir o proceso de selección dos filmes que se proxectarán na súa sexta edición. Terror, fantasía, ciencia ficción e parodia dos mesmos xéneros son as temáticas máis aprezadas pola organización e seña de identidade do certame de cinema underground e gamberro da cidade de Vigo.
A inscrición está aberta ata o 13 de xuño e é gratuíta a través dalgunha das canles facilitadas polo certame: un formulario na súa web , ou a plataforma Festhome. Poderán participar traballos realizados en 2020 e posteriores, de calquera nacionalidade e idioma (subtituladas en galego ou castelán) e sen límite de traballos por autor. Para as curtas, a duración máxima será de 30 minutos e para as longas de 120.Aquí poden consultarse as bases completas.
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da sexta edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022, tanto presencial como online, e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Ademais das devanditas categorías (terror, fantasía, ciencia ficción e humor) o certame tamén busca filmes dirixidos a público infantil xa que, desde o ano pasado conta cunha xornada dirixida a inculcar a paixón pola sétima arte no público infantil: o Pequefreak.
O Galician Film Festival viu incrementado ano a ano o número de obras recibidas na súa convocatoria. Na pasada edición inscribíronse case 700 obras, 300 máis que o ano anterior, un claro indicativo do seu posicionamento no circuíto cinéfilo. Os filmes chegaron de países como Rusia, China, Arxentina, Países Baixos, Perú ou Alemaña, así como medio cento de producións galegas. En consecuencia a cantidade de estreas nacionais e internacionais que se celebran no GFFF crece en número e calidade en cada edición.