Centos de zombis tomarán as rúas de Vigo convocados polo Galician Freaky Film Festival

| A Zombie Walk do Galician Freaky Film Festival celébrase o 13 de setembro desde o MARCO e contará con sesión de maquillaxe, concurso de disfraces e flashmob con coreografía de The Rocky Horror Picture Show. A participación é gratuíta.


26.08.2025 | O vindeiro sábado 13 de setembro unha multitude de zombis percorrerá o centro da cidade nunha Zombie Walk organizada polo festival internacional de cine Galician Freaky FIlm Festival, que prevé reunir a máis dun cento de participantes nesta primeira edición da marcha.

Unha Zombie Walk é un evento social no que un grupo de persoas se caracterizan como zombis e percorren a cidade imitando os movementos e comportamentos típicos dos mortos viventes na procura de miolos dos que alimentarse: paso lento, mirada perdida e movementos erráticos, recreando a estética clásica dos zombis no cinema. 

A primeira Zombie Walk tivo lugar en Sacramento, California, no ano 2001, e dende entón espallouse por cidades de todo o mundo. O obxectivo é crear un espectáculo visual onde se mestura o humor negro co xogo de rol e a festa. Ademais de, por suposto, propiciar un punto de encontro no que coñecer a outros freaks do cine de terror e o cosplay

A Galician Freaky Zombie Walk

O punto de partida da Zombie Walk proposta polo GFFF é o Museo Marco, onde ás 17:30 horas comezará o Toucador Zombie, unha sesión de maquillaxe con temática de terror para nenos e adultos. Nesta actividade previa, un equipo de maquilladores profesionais con expeciencia en caracterización encargarase de transformar en zombi a todas as persoas que se achegen. Ao mesmo tempo, abrirase a inscrición para a Pasarela Zombie, o concurso que pechará a xornada.

Ás 20:00h será o momento de reunirse para recibir unhas breves indicacións por parte do equipo e ás 20:30 arrancará a Zombie Walk, que percorrerá a Rúa do Príncipe ata o Paseo de Alfonso XII. Non será unha simple camiñata: os participantes deberán meterse no papel de zombis, avanzando con lentitude e torpeza.

Un dos momentos máis agardados chegará ás 21:15 no Paseo de Alfonso XII, onde a comitiva de mortos deterase para sorprender aos viandantes cun flashmob no que todas as persoas asistentes poderán participar. A canción elexida é Time Warp, do filme The Rocky Horror Picture Show, emblemático musical que o GFFF proxectará nos Cines Tamberlick o 27 de setembro ás 21:00 h. 

Nas semanas previas á actividade, o Galician Freaky Film Festival subirá á súa canle de Youtube e redes sociais un vídeo explicando os sinxelos pasos da coreografía do flashmob para que calquera persoa poida aprendelos e animarse a bailar na rúa.

Ás 21:15h, despois da sesión de baile, o Paseo de Alfonso XII converterase no escenario da Pasarela Zombie, un concurso de cosplay no que os participantes desfilarán caracterizados como auténticos zombis. A actividade desenvolverase nun espazo ambientado con música e decoración temática e estará conducida por un presentador que animará o evento.

O público poderá gozar do divertido espectáculo mentres un xurado formado por tres profesionais do audiovisual, expertos en efectos especiais e deseño de arte, valora a creatividade, a calidade do maquillaxe e vestiario, así como a interpretación de cada participante. O broche final poñerao a entrega do Premio Zombie Freak 2025, que recoñecerá ao mellor zombi da noite cunha banda identificativa e agasallos do festival.

Todo o evento é gratuíto e o festival convida a toda a cidadanía a formar parte del, sen necesidade de inscrición previa.