| O certame de cinema máis freak de Galicia inaugurará a súa novena edición o vindeiro 19 de setembro co filme de culto Re-animator.
I Dentro das súas proxeccións especiais, o festival homenaxeará aos filmes protagonizados por científicos tolos.
21.04.2025 Unha mente aberta, un par de bos ollos dispostos a ver todo, unha pel sensíbel aos arrepíos, un estómago a proba de casquería e un gran corazón freak. Estas serían “as pezas ou ingredientes” que precisaría un doutor tolo para construír ao espectador perfecto do GFFF. Por sorte para o GFFF – Galician Freaky Film Festival, o festival de cinema freak e fantástico de Vigo, cada ano son máis os freaks con estas particulares características que se suman con paixón ao seu exército de fans. Para alimentar e agradecer o respaldo dos máis seareiros do freak e do fantástico, o certame comeza xa a anunciar os seus primeiros títulos de cara a vindeira #9 edition.
Como explican desde a súa organización: “Este será un ano moi especial. Poñeremos o foco temático homenaxeando aos científicos tolos ou mad doctors, ese arquetípico personaxe dos filmes de terror e ciencia ficción que, obsesionados por conseguir algo que supera os coñecementos da súa época, son quen de retar as leis da física e mesmo ao propio Deus.”
Deste xeito, o GFFF inaugurará a súa #9 edition coa súa xa habitual sesión dobre tal e como se facía nos cinemas doutra época, na que poderán desfrutarse de dous clásicos do cinema fantástico e de terror.
O primeiro dos títulos anunciados será a cinta de culto Re-animator dirixida por Stuart Gordon, unha auténtica medicina para freaks que conta cunha boa dose de inxeccións verdes e resurreccións. O filme, lanzado en 1985 está baseado no relato do H. P. Lovecraft Herbert West: reanimador.

Re-animator está protagonizada por Jeffrey Combs quen interpreta a Herbert West, un estudante de medicina europeo que chega aos EEUU para continuar desenvolvendo o seu soro de reanimación corporal. As probas que realiza traerán consigo unha serie de fatídicas consecuencias para el e a vida persoal do seu compañeiro de cuarto, Dan Cain.
O éxito de Re-animator convertouna nun filme de culto entre os seguidores do cinema gore sendo unha perfecta combinación de terror e comedia, o que incluso implicou a creación de dúas secuelas. Deste xeito, o certame vigués aproveita a celebración do 40º aniversario do filme de Gordon para reivindicar esta obra tan querida por todos aqueles que medraron pasando as tardes dos venres entre os andeis dos videoclubes.
Os espectadores máis freaks poderán desfrutar de Re-animator en pantalla grande nos Cines Tamberlick, así como doutros auténticos fitos do cinema de culto que proximamente o festival dará a coñecer. Todo isto dentro da programación da #9 edition do GFFF que terá lugar no C. C. Plaza Elíptica entre os días 19 e 27 de setembro.
9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.
Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.
Un evento único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.