Sen esquecer que a literatura é unha das principais fontes que inspiran a creación audiovisual e cinematográfica, o GFFF pretende nesta nova edición crear sinerxias con autores e editoras destacadas deste eido.

Este espazo contará coas seguintes presentacións:

Presentación da novela EL MISTERIOSO VIAJE de R.R. Boo

El Misterioso Viaje (Editorial ECU) é unha homenaxe ao cinema de terror dos anos 60 e 70, sobre todo o español. El Misterioso Viaje é unha aventura con todos os ingredientes daquel cinema, desde o misterio ata a evocación do erotismo. O que comeza como unha anodina viaxe en tren converterase nunha experiencia terrorífica para os protagonistas. Sobrevivirán?

R.R. Boo. Se o autor tivese que describirse a si mesmo, non sería difícil: un freak. Iso si, un freak de primeira xeración que comezou alá polos afastados anos setenta cos xogos de rol, de taboleiro e os wargames. A día de hoxe, continúa coas mesmas afeccións, acompañado agora por algún freak de segunda e terceira xeración. Admirador sen reservas da historia, a literatura fantástica e o cinema clásico e de terror e que non puido resistir a tentación de escribir unha obra de homenaxe ao xénero.

Novidades editoriais de RINOCERONTE EDITORA

Rinoceronte Editora é a primeira editorial especializada na publicación de obras traducidas ao galego. Naceu en Cangas do Morrazo no ano 2005 coa intención de importar para a nosa lingua literatura estranxeira, fundamentalmente recente, e en especial de ámbitos culturais e lingüísticos inéditos en galego.

En Rinoceronte dedican especial coidado aos seus libros. Escollen demoradamente os seus títulos e os seus tradutores e buscan que os lectores dispoñan de toda a información relativa aos libros que teñen nas mans.

Na súa selección de títulos tratan de cubrir dúas vertentes: apostar por autores de calidade, aínda descoñecidos no noso contexto literario e cultural, e ofrecer obras de autores recoñecidos, recentes ou inéditas en galego.

Presentación movie-book DENTRO DEL HOYO de Juan Dopico

Dentro del Hoyo (Editorial Liburuak) descobre as reviravoltas do filme El Hoyo (Galder Gaztelu-Urrutia, 2019), unha película independente e de xénero que se converteu en #1 mundial por mor da súa estrea en Netflix en marzo de 2020, nada máis declararse a pandemia global.

Juan Dopico Massobrio, community manager do filme, fai un percorrido polas distintas fases de produción do proxecto a partir das entrevistas realizadas aos membros do equipo durante o confinamento. O libro conta ademais con moito material gráfico, como fotografías da rodaxe, planos da construción do decorado e fan art proveniente de todo o mundo.

Ademais, analiza as claves do seu éxito mundial, o que levou á produción dunha secuela que se estreará o próximo 4 de outubro en Netflix. 

Juan Dopico é licenciado en Xornalismo pola UPV/EHU e posúe o máster en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra. É realizador audiovisual e un dos creadores de Caostica, asociación cultural que organiza o Festival Internacional de Curtas e Videoclips Caostica e as xornadas sobre cultura e Internet Tracking Bilbao.

Coa produtora Basque Films participou na película El ataúd de cristal, desempeñando labores de xefe de prensa, community manager, foto fixa e actor secundario. En El Hoyo, ademais de ser o community manager, traballou como especialista en escenas de acción facendo de dobre de Zorion Eguileor (Trimagasi). Dentro del Hoyo é o seu primeiro libro.

Presentación fanzine MALFARIO VOL. 7 

Malfario Cómic é un colectivo creado por un grupo de afeccionados aos fanzines, á narrativa de terror e de serie B. En total, máis de 60 artistas contribuíron nas súas publicacións. Estas autoedicións abarcan desde historias de medo, suspense e mal corpo, ata relatos de ciencia ficción, fantasía e terror clásico. Traballan con artistas talentosos e o seu obxectivo é promover o traballo de ilustradores emerxentes. 

Neste sétimo volume, Malfario Cómic centra a temática nos videoxogos e o terror, ofrecendo 28 historias creadas por 35 autores, entre ilustradores e guionistas. Contaremos para a súa presentación cos algúns dos autores e autoras galegas que participaron neste último volume.