Ilustrísimo Xurado do GFFF 2025

POL DIGGLER

ALESSIA GASPARELLA

SARA LOPO

Un ano máis, o GFFF reúne a un grupo de profesionais do audiovisual freak. A súa misión: repartir os catro galardóns do erudito xurado. Unha tarefa honrosa mais nada doada.

POL DIGGLER

Director, guionista e montador. Entusiasta de narrativas arriscadas e innovadoras. Buscando constantemente novos conceptos para sorprender e provocar ao público. Os seus proxectos lograron 700 premios en máis de 1000 festivais incluíndo cualificadores ÓSCAR, GOYA, BAFTA e MÉLIÈS.

ALESSA GASPARELLA

Tras licenciarse en Estudos Cinematográficos en DAMS Torino, marchou de Italia para continuar a súa formación en Francia. Primeiro en Besançon, onde traballou como reporteira de vídeo, e despois en París, onde comezou como asistente de produción e distribución para unha pequena produtora independente, Insolence Productions. Despois de case dous anos, deixou o traballo de oficina para buscar roles máis activos nas rodaxes, especializándose como xefa de unidade e produtora executiva. Tras case unha década na capital francesa e preto de 40 proxectos entre curtas, longametraxes e series de televisión, decidiu regresar a Italia para construír algo máis persoal na súa cidade natal.

En 2020 fundou AIACE VDA, unha asociación cultural dedicada á promoción do cinema, organizando proxeccións, obradoiros e programas de formación para escolas e cidadanía. En 2024 é unha das fundadoras de Red Sled Films, onde traballa como produtora cinematográfica. O ano 2025 marca o nacemento do Bref International Short Film Festival, onde exerce como directora artística e programadora principal.

Paralelamente, é programadora para varios festivais internacionais arredor do mundo: TOHorror Fantastic Film Fest, Tribeca Festival, Fantasia Festival, Ravenna Nightmare, SXSW Texas, e Black History Month Aosta.

O que máis lle apaixona son as curtametraxes e todo tipo de películas sobre tiburóns. Canto máis casposas, mellor!

SARA LOPO

Sara Lopo é actualmente Coordinadora de Programación do MOTELX, así como programadora de longametraxes e curtametraxes, e comisaria da sección Big Bad Wolf.

A súa traxectoria en eventos culturais comezou como voluntaria na organización de pequenos concertos para o Luxembourg Music Club e, posteriormente, como bolseira no Kunstenfestivaldesarts de Bruxelas. Durante os seus estudos en Comunicación e Xestión Cultural, formou parte do equipo de coordinación do festival artístico D’Avril en Mai, como proxecto de fin de curso, e realizou prácticas na plataforma de distribución e VOD de cinema independente UniversCiné Belgium (hoxe Sooner).

Sara é unha presenza habitual nos mercados internacionais de cinema, como o EFM de Berlín e o MDF de Cannes, así como nos festivais europeos de cinema fantástico. Foi membro do xurado no Sitges International Fantastic Film Festival of Catalunya (España) e no Trieste Science+Fiction Festival (Italia). Ademais, é programadora de longametraxes para o Fantastic Fest (EE. UU.) e coordinadora de proxectos cinematográficos no BIF Market, o mercado de coprodución de xénero de Bruxelas (Bélxica).