Este ano o festival crea unha nova sección coa que pretende, por unha banda, render homenaxe a un dos grandes directores e produtores da historia do cinema de Serie B, e por outra banda, achegar ás novas xeracións un cinema que foi inspiración para moitos creadores.

Falamos do cine de Roger Corman, o produtor, actor e director de cinema estadounidense que sobresaíu polas súas numerosas películas de baixo orzamento. Baixo a súa dirección, comezaron as súas carreiras no cinema numerosas celebridades, sobre todo directores, como Francis Ford Coppola, Martin Scorsese, Ron Howard, Peter Bogdanovich, Jonathan Demme ou James Cameron.

Entre os seus filmes máis coñecidos destaca a súa serie de películas de época e terror gótico baseadas en historias de Edgar Allan Poe como A caída da casa Usher (1960), O péndulo da morte (1961), O corvo (1963) e A máscara da morte vermella (1964), todas elas protagonizadas polo mítico Vincent Price.

Neste caso, continuando coa liña editorial desta edición do festival centrada na homenaxe aos filmes de mad doctors, proxectaremos o filme X: The Man with the X-Ray Eyes (1963) na que o actor Ray Milland interpreta a un científico de prestixio internacional, que decide probar en si mesmo un perigoso soro que proporciona visión de raios X traéndolle, obviamente, un fatal e inesquecible desenlace.

Un filme que no seu día destacou polos seus efectos especiais e que a día de hoxe despois de máis de seis décadas, segue tendo un forza impactante da que non poden presumir filmes actuais. Unha divertida paranoia de serie B e un clásico de culto a reivindicar que poderemos desfrutar por primeira vez en pantalla grande.

X: THE MAN WITH THE X-RAY EYES

EUA / 1963 / 80 min.

Roger Corman

Proxección: Versión Orixinal subtitulada en castelán.

REPARTO: Ray Milland, Diana Van Der Vlis, Harold J. Stone, John Hoyt, Don Rickles.

GUIÓN: Robert Dillon, Ray Russell

MÚSICA: Les Baxter

FOTOGRAFÍA: Floyd Crosby