Benvidos a Vigo, a capital do frikismo galego.

Velaquí unha pequena guía para adentrarse nun mundo cheo de praias, rúas escarpadas, gaivotas posesas, escaleiras mecánicas, parques naturais e luces de Nadal. Se ata contamos cun dinosaurio transmutado nun boj ornamental: Dinoseto. Non nos miredes así, xa vos dixemos que somos capital do frikismo galego.

RECOMENDACIÓNS GFFF

Para durmir

Hotel Silken Axis Vigo

un dos mellores hoteles da cidade, e aínda por riba, no centro mesmo da sity. Catro estrelas para que te sintas o freak máis coidado de toda a contorna. Se te aloxas durante os días do festival pode que fagas amizade con moitos dos nosos convidados. Só tes que berrar polo corredor de madrugada: LUGOSIS!

Rúa de María Berdiales, 22

Para tomar algo

Máis Palá

Probablemente o local máis pintoresco da cidade. Sairás namorado polo especial que é, así como polo cercano trato dos seus donos, Seraphine e Manuel. 

Rúa de Manuel Núñez, 18.

Café Uf

centro de reunión de artistas de todo tipo onde atoparedes actividades culturais todas as semanas. Centro de reunión dos culturetas da cidade, así que obviamente alí estaremos.

Rua do Pracer, 19

Tinta negra

chámase churruquero ao típico vigués que pasa as noites de retranca na zona de marcha de Churruca. Podes atoparnos en moitos garitos, pero o Tinta Negra é un must ata as 3 da mañá. 

Rúa Irmandiños, 2

Para comer

Restaurante A Retranca

Cando vaias á Retranca fai caso a marabillosa xente que te atenda cando te diga que un prato da para dous (ou tres se comedes como pitos). Pratos contundentes, deliciosos, e aínda por riba baratos. Recomendámosvos si o si as carrilleiras ibéricas estofadas con viño tinto e licor café. 

Rúa San Vicente, 4

Para ir de compras

Vaidhe

Probablemente a tenda de agasallos máis riquiña da cidade. As súas donas Eli e Iris son máis que encantadoras e axudaránte a levar o agasallo perfecto (xa sexa para ti ou para outra persoa). 

Rúa Carral, 7

Flamingos Vintage Kilo Vigo

Se queres ir vestidx molón ao festival a mellor opción que tes é pasarte por esta tenda de roupa vintage americana. Ollo venden ao peso e sae moi ben de prezo!

Doutor Cadaval, 21

Rei Zentolo

Creatividade, galegalidade, universalidade. Merchandising con retranca galega, de Galicia ao mundo. Pásate pola súa tenda e merca algunha das súas camisetas con frases que xa forman parte da idiosincracia galega. 

Rúa do Príncipe, 1

Galería Maraca

Para xente alternativa como nós. Atoparás arte, ilustración e outras cousas de molar. Sairás coa tote bag ben chea. 

Rúa de Doutor Cadaval, 12

Que ver en Vigo?

Se te gusta camiñar e traballar glúteos, Vigo é a túa cidade.

  1. Descobre o Casco Vello

Falemos da parte máis antiga da urbe. Nela atópase a orixe dunha pequena vila que acabou por se converter na meirande cidade industrial de Galicia (poucas bromas con iso). Pasea polas súas rúas históricas, nas que en 1809 tivo lugar a primeira expulsión dos franceses de Europa. Así, cada 28 de marzo a cidade celebra unha das súas festas grandes, A Reconquista: o primer gran fail de Napoleón Bonaparte. Pasea pola Concatedral (non chegaban os cartos para una catedral), tómate unha cervexa nos seus múltiples bares pintorescos (pero sen pasarse, eh?), visita as últimas tendas de cesteiros artesáns, ou contempla a casa de Arines, a edificación máis antiga da cidade. Esta data do século XV e nela se atopa na actualidadefquiz o Centro Cultural Portugués, o centro Camoês.

  1. Rúa das ostras

A rúa das ostras é quizá o maior reclamo turístico do Vigo urbano: decenas de metros destinados á degustación dos famosos bivalvos da nosa ría. A tradición séguese por instinto: os moluscos cómpranse directamente ás ostreiras e degústanse ao natural, nas mesas dos establecementos que se reparten pola rúa. A mellor maridaxe para este bocado de mar é unha copa de viño branco con denominación de orixe Rías Baixas.

  1. Porta do Sol

A recén inaugurada Porta do Sol é o km 0 de Vigo; a bisagra que une o barrio histórico de Vigo e o Ensanche, onde se concentran as fundacións de arte, centros culturais e museos de Vigo máis modernos. Vamos, o lugar onde vestir as nosas mellores galas e deixarnos ver. Alí atoparemos unha das iconas da cidade: a escultura de Francisco Leiro El Sireno, símbolo da unión do home co mar, e tamén testigo do noso dubidoso gusto polas esculturas.

  1. Praia de Samil

O noso benquerido areal convida a deter as horas fronte ao mar, admirando a silueta das illas Cíes e da illa de Toralla. Un lugar de esparexemento onde ir coa familia, so, ou ben acompañado. Os máis osados e viciosos poden agardar á noitiña e adentrarse na zona de cruising localizada entre os piñeiros das lomas; máis so recomendamos esta actividade a auténticos profesionais da libertinaxe.

  1. Illas Cíes

Vigo recorta o seu horizonte contra as illas Cíes, un dos lugares máis fermosos de Galicia. Aquí si que botamos peito. Este parque natural combina as praias máis bonitas de Vigo cunha contorna natural e uns fondos mariños únicos en España. O arquipélago pódese visitar en barco de liña ou extraviándose co flotador dende a praia de Samil. É ideal tanto para gozar en familia como para pasar unha fin de semana de acampada e sendeirismo en Vigo. Iso si, ides compartir vacacións coa maior reserva protexida de gaivotas de pico amarelo, polo que recomendamos vixiar e gorecer a comida no interior de mochilas reforzadas con kevlar.

  1. Monte do Castro

O Monte de O Castro é a orixe de Vigo, onde se asentaron os primeiros poboadores nos séculos II e III a.C. e cuxos restos se conservan no Xacemento Arqueolóxico. A urbe medrou subindo e baixando desde esta elevación, serpenteando para crear esa orografía única que fai posible ter unha montaña en pleno centro da cidade, cousa que mola moitísimo. Un luxo natural que ofrece as mellores vistas da ría de Vigo e os atardeceres máis fermosos.

  1. A Ponte de Rande

O Golden Gate galego. Non é posible sentir Vigo por completo sen cruzar en coche a Ponte de Rande (en moto tamén vale) e contemplar desde a súa altura a inmensidade da ría. Paga a pena achegarse a un dos miradoiros a cidade para velo de noite, colgando maxestoso sobre o mar. Aberto ao tráfico en 1981, cada día crúzano uns 50.000 vehículos e é unha das pontes máis características de España.

  1. Rúa do Príncipe

A rúa do Príncipe é a rúa de compras de Vigo. Chamada así en honra ao fillo de Isabel II, é o corazón comercial da cidade coas mellores tendas do mercado: roupa, artesanía, zapatos, xoias e as principais firmas de moda galega… Os estómagos máis golosos caerán presos do local de gofres, que co seu particular arrecendo, enfeitiza a nosa pituitaria coma se cantos de serea se tratase. Se advirtes unha figura descoñecida dirixíndose cara ti cunha sonrisa na faciana, probablemente desexe venderte unha suscripción solidaria. Podes optar por ser boa persoa ou facer coma nos e finxir que falas polo teléfono móbil.

  1. Vigo, cidade de cor

É o festival de arte pública que transforma as fachadas da cidade desde 2015. Actualmente conta con máis de cen intervencións de artistas novos e consagrados, fundamentalmente locais, pero abríndose cada ano á colaboración internacional. O evento ten como máxima converter a cidade nun museo ao aire libre e mudar o noso tradicional feismo por obras caralludas de alto standing plástico.

  1.  Dinoseto

O Dinoseto é unha seve on forma de dinosauro e icono en decadencia da cidade.

Nado en 2015, tivo unha cría en 2016 (de pai descoñecido), un videoxogo en 2017 e ata o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten fotografías con el. O Dinoseto é o símbolo total do frikismo e a marabillosa tolemia que goberna esta cidade.

Foi un ictus burocrático que terminou por se converter nun símbolo dos vigueses. A súa primeira localización inicial debía ser un parque infantil situado na parroquia de Navia, maís un erro da empresa encargada da súa instalación, propiciou que aterrase nunha céntrica glorieta da rúa Rosalía de Castro. Deseguido, este T-Rex vexetal fixo as gracias dos teléfonos móbiles de todos os vigueses, motivo polo cal Abel Caballero, alcalde e maestro jedi do meme, decidiu convertilo en símbolo da cidade. Foi instalado permanentemente na céntrica Porta do Sol e viviu durante un tempo como o “monumento” máis fotografiado da cidade. O selfie obrigado para turistas.

Por mor das obras de remodelación da rúa, Dinoseto foi trasladado á alameda de Praza de Compostela. Alí vive o seu actual ocaso, eclipsado polas luces de Nadal e marcado por un episodio agravado de alopecia vexetal.

Como non podía ser doutro xeito, abandeiramos ao Dinoseto, presente en cada un dos carteis do festival, morrendo cada ano dun xeito cada vez máis tolo.

Descobre máis en: https://www.turismodevigo.org/