Ilustrísimo Xurado do GFFF 2024
RAÚL CEREZO
SABINA PUJOL
PEDRO PÉREZ
Un ano máis, o GFFF reúne a un grupo de profesionais do audiovisual freak. A súa misión: repartir os catro galardóns do erudito xurado. Unha tarefa honrosa mais nada doada.
RAÚL CEREZO
Raúl Cerezo é director, guionista, produtor e socio fundador da produtora de xénero Eye Slice Pictures, unha das produtoras máis puras e punteiras de xénero en España.
Co-dirixiu e co-escribiu as longametraxes La Pasajera (2021) e Viejos (2022), vendidas para máis de 100 países e con participación nos maiores festivais de xénero do mundo, conseguindo eloxios no mundo enteiro e con gran éxito en terras como EUA e Corea.
Tamén produciu máis dun centenar de curtametraxes, ademais de dirixir e escribir títulos emblemáticos do xénero como Escarnio, Caraoscura, El Semblante e 8.
Cerezo é gañador do Melies d’argent e dúas veces gañador do premio Paul Naschy no Festival de Sitges, entre outros moitos premios nacionais e internacionais que lle fan referencia ineludible do suspense, fantástico e terror actual.
Actualmente, atópase inmerso en proxectos nacionais e internacionais de gran envergadura e próxima anunciación.
SABINA PUJOL
A paixón polo cinema e a linguaxe levouna a estudar na Escola de Guión de Barcelona e na Escola Micro Obert; máis tarde licenciouse en Filoloxía Inglesa e fixo o Máster en Tradución Audiovisual na UAB. Despois duns anos traballando en diferentes áreas da tradución, desde 2018, traballa como tradutora audiovisual para distintos festivais e plataformas de VOD.
Ademais do traballo en tradución audiovisual, desde hai tres anos forma parte do equipo de programación do Festival B-Retina de Cornellá de Llobregat onde programa as súas obsesións fílmicas e rarezas varias; tamén colabora co festival Cryptshow desde hai dous anos e no Fantboi desde 2024 (festivais que forman parte de Terror Arreu Cataluña).
Como cinéfila total, apúntase para participar en calquera proxecto relacionado co cinema, e se se trata de cousas rarunas, mellor.
PEDRO PÉREZ aka PEDRIMAN
Principio dos 80´s. Un cinema nunha pequena localidade de Estremadura. Un mozo ao bordo do pranto sae aterrorizado á media proxección de Las garras de Lorelei (Amando de Ossorio, 1973). Para toda a súa cuadrilla é un cagainas. Tras o trauma inicial comeza a ler libros, comprar revistas e ver pelis de terror como un tolo.
Sígome cagando de medo, mais agora son un dos creadores e organizadores do festival de terror PANIC A Estrada (Pontevedra), xurado en concursos de curtas e fotografía de terror. Dirixín curtametraxes e documentais como membro de Producciones Trípode. Colaboro en Radio Estrada dende hai vinte anos falando de cine e series. Investigo e escribo sobre historias de cine…
O que máis me gusta é desfrutar vendo as tolerías que outros crean.