Día: Mércores 29 de Setembro 19:00
Ubicación: Auditorio Concello
Aforo: 59 butacas > Venda de entradas

Como vén sendo costume, inauguramos esta #5 edition do GFFF cunha viaxe aos albores do cinema. Nesta ocasión é a quenda do filme “Häxan” do director Benjamin Christensen que neste ano cumpre 99 anos desde a súa estrea.

Unha nova oportunidade de gozar dunha obra clave da historia do cinema engadíndolle o compoñente de desfrutar en directo dunha peza composta por e para a ocasión. A atmosfera na que nos somerxerá un ano máis “Caspervek Ensemble” permitiranos experimentala como os nosos antepasados fai un século.

CASPERVEK

Caspervek escribiu a Banda Sonora para “Häxan” como un encargo do Museo Nacional de Arte de Estonia no ano 2015. Tras esta estrea e un concerto posterior en Letonia, o grupo non volveu presentar en público a película ata o ano 2019, cando realizou unha revisión da partitura orixinal para interpretala xunto á acordeonista Nerea Rodríguez.

Agora, con motivo do Galician Freaky Film Festival o grupo realizou unha segunda revisión da Banda Sonora orixinal, neste caso para un quinteto formado por frauta, clarinete, saxofón, percusión e piano.

As influencias da música que Brais González escribiu para “Häxan” nacen da música medieval e o canto gregoriano para penetrarse tamén nas músicas ortodoxas, o minimalismo sacro, o uso de electrónicas ambientais e a exploración de linguaxes máis contemporáneas, que lembran á música das vangardas soviéticas.

Nesta ocasión, ademais dos membros habituais da formación (Brais González ao piano e Blas Castañer á percusión) acompañan a Caspervek Laura Lorenzo (frauta), Tonio Comesaña (clarinete) e Andrea González (saxofón), tres dos máis prometedores intérpretes de vento madeira do panorama nacional actual.

Häxan

“Häxan” ou “A bruxería a través dos tempos” é un filme do director danés Benjamin Christensen dividido en sete partes, cada unha das cales narra unha historia diferente, nun percorrido pola historia da bruxería e o culto ao demo desde a Idade Media ata os modernos anos 20.

O cineasta vincula a persecución da bruxería coa represión masculina do desexo feminino e constrúe unha obra marcadamente anticlerical que escandalizou e foi prohibida en moitos países.

A mezcla de documental e ficción, e a liberdade coa que se mostra un amplio repertorio de imaxinería sexual, violenta e sacrílega, del todo inusual para a época, converten o filme nun produto anómalo, e polo tanto nun claro xermen do fenónemo de cine de culto. Un repaso ao mundo do ocultismo, a maxia negra e a bruxería a través de varios séculos para debuxar un panorama que pode resultar tan fascinante como estremecedor.

[Silver Screams] HAXAN (1922) and the Birth of the Folk ...

Esta obra mestra de Christensen foi rescatada e posta en valor na década dos 70′, no contexto da contracultura, e restaurada do orixinal nos anos 90′ dando pé a unha nova reivindicación.