| O festival internacional de cine fantástico continúa a crecer na cidade cun novo récord de asistencia e convidados de Xapón, Australia, Suíza, Estonia, Rusia e toda a península.
| A curta polaca Marty’s Guidebook e a checa Humanity gañan os premios do xurado e o público, respectivamente.
FOTOGRAFÍAS E MATERIAIS PARA PRENSA
27.09.2025 | O Galician Freaky Film Festival congregou durante nove a días a máis de 3.000 persoas na Plaza Elíptica de Vigo, un 40% máis que en 2024. O certame de cine fantástico vigués crece ano a ano tanto en público como en número de xornadas e actividades propostas nos cines Tamberlick como na Sala Apo’strophe. Durante nove días o festival aglutinou estreas internacionais, homenaxes, gastronomía, encontros con cineastas, actividades para toda a familia, concurso de cómics, exposicións e unha feira que reforzou o carácter comunitario do evento.
A clausura da novena edición tivo lugar o sábado 27 cunha gran festa colectiva arredor de The Rocky Horror Picture Show, filme de Jim Sharman protagonizado por Susan Sarandon e Tim Curry, do que se fan 50 anos da súa estrea. A actividade esgotou entradas días antes da proxección e converteuse nun dos momentos máis lembrados polo público, entre o que se repartiron elementos de atrezzo cos que interactuar co filme. Para sorpresa dos asistentes, realizouse unha performance protagonizada polo Dr. Dr. Frank-N-Furter.
Palmarés internacional
Durante a gala de claurusa tivo lugar a entrega de premios, na que se coñeceron os gañadores dos Dinosetos decapitados. A difícil tarefa de outorgar os premios da Selección Oficial, composta por 74 curtametraxes de 34 países, recaeu nun xurado internacional integrado polo director catalán Pol Diggler, gañador do Premio Freakiest Director; a produtora e programadora italiana Alessia Gasparella, que estivo presente no festival; e Sara Lopo, programadora de MOTELX e membro de xurados en certames como Sitges e Fantastic Fest, recoñecida pola súa traxectoria no cinema fantástico internacional.
Pola súa banda, o público votou ao remate de cada sesión a través dun código QR proxectado na pantalla, decindo tres premios. Tamé foi o encargado de dirimir o gañador do primeiro Concurso de Tapas Fantásticas, un concurso gastronómico que se celebrou paralelamente en cinco bares e restaurantes da cidade.
As persoas que non puideron asistir ao festival, ou que desexan rever algúnha das curtametraxes, teñen dispoñible unha gran parte da Selección Oficial no GFFF Online, aloxado na plataforma Festhome TV, que estará aberta ata o domingo 5 de outubro ás 23:59. O acceso é gratuíto para as persoas que dispoñen do abono VIF (Very Important Freak) e ten un prezo de 13,00 € para o público xeral.
PREMIOS DO XURADO
Gran Premio GFFF
Marty’s Guidebook, de Maks Rzontkowski (Polonia)
Mencións
Atom & Void, de Gonçalo Almeida (Portugal)
Faaawww!!!, de Koji Oniki (Xapón)
King of the Nothing, de Aleksa Gajić (Serbia)
Premio Neuronas Fritidas (Curta máis turbia)
TV or The Disturbance on Forest Hill Road, de Frederic Siegel (Suíza)
Mención
La Fille Qui Explose, de Caroline Poggi, Jonathan Vinel (Francia)
Premio Ben Dito (Mellor guión)
Hurikán, de Jan Saska (Bosnia e Herzegovina, Eslovaquia, Francia, República Checa)
Premio Ben Feito CREA (Mellor dirección)
Playing God, de Matteo Burani (Francia e Italia)
Leptir, de Sunčana Brkulj (Croacia e Dinamarca)
PREMIOS DO PÚBLICO
Premio Olimpo dos Freaks (Curta máis aplaudida)
Humanity, Tereza Kovandová (República Checa)
Premio Arrepío (Mellor curta de terror)
Dream Creep, de Carlos A. F. Lopez (Estados Unidos)
Premio Escarállome (Mellor curta de humor)
Pobre Marciano, de Alex Rey (España)
Premio ‘Galician Freak’ (Mellor curta galega)
Us-Her, de David Salgado (Galicia)
Premio Mellor Tapara Fantástica
Mocca – Merlina’s Hot Dog (brioche recheo de chocos na súa tinta)
PREMIOS DO FESTIVAL
Premio Luis Barboo (Actor secundario que máis sofre)
Xavi Roqueta, por Mu, de Javier Méndez (España)
Premio Freakiest Director
Rintaro Uekara, por Mackerel-man (Xapón)

Actividades destacadas
O GFFF 2025 abriu as portas dos cines Tamberlickcunha dobre sesión dedicada aos mad doctors, na que se proxectaron Young Frankenstein e Bride of Re-Animator, que esgotou entradas e marcou a inauguración máis multitudinaria da historia do festival.
Tamén o Pequefreak, a sección pensada para nenos, acadou cifras récord ao celebrarse por primeira vez en dúas xornadas, con talleres cheos e a proxección de Cariño, he encogido a los niños. Os máis pequenos premiaron as curtametraxes Eureka! (Bélxica) e The Mistery of Missing Socks (Estonia).
A segunda semana estivo marcada pola homenaxe ao actor vigués Luis Barboo, con coloquio e proxección de Conan, the Barbarian, e pola presenza do cineasta galego Alberto Vázquez, que presentou en primicia a súa nova longametraxe de animación Decorado.
Entre as actividades paralelas tamén destacou o encontro Irmandades do Norte, apoiado pola Vigo Film Office, que reuniu a representantes de sete festivais de xénero de toda a península para reforzar lazos e compartir experiencias comúns.
Ademais de colegas doutros festivais o GFFF recibiu a visita de cineastas de tres continentes que viñeron presentar ante o público os seus traballos e desfrutar do ambiente do festival. Realizadores de Xapón, Australia, Suíza, Estonia, Rusia, Canarias e toda a península pasaron estes días pola Plaza Elíptica.

