Có obxectivo de seguir ampliando as ligazóns entre festivais e profesionais da xestión cultural, este ano celebraremos, en colaboración coa VIGO FILM OFFICE, unha mesa cadrada na que participarán representantes de festivais de xénero de Euskadi, Catalunya e Galicia.

Un encontro único na historia dos festivais de España no que falaremos sobre a saúde do cinema de xénero no noso país en xeral, nas respectivas comunidades autónomas máis concretamente, e no que se expoñerán as facilidades e as dificultades nas que se atopan tanto artistas como equipos de programación á hora de crear obras e construír seleccións nas que se manifeste o talento de cada comunidade autónoma no eido do terror e da fantasía.

Participan nesta mesa cadrada:

SABINA PUJOL

En representación do B-RETINA – Festival de Cinema de Sèrie B en Cornellà (Catalunya)

A paixón polo cinema e a linguaxe levouna a estudar na Escola de Guión de Barcelona e na Escola Micro Obert; máis tarde licenciouse en Filoloxía Inglesa e fixo o Máster en Tradución Audiovisual na UAB. Despois duns anos traballando en diferentes áreas da tradución, desde 2018, traballa como tradutora audiovisual para distintos festivais e plataformas de VOD.

Ademais do traballo en tradución audiovisual, desde hai tres anos forma parte do equipo de programación do Festival B-Retina de Cornellá de Llobregat onde programa as súas obsesións fílmicas e rarezas varias; tamén colabora co festival Cryptshow desde hai dous anos e no Fantboi desde 2024 (festivais que forman parte de Terror Arreu Cataluña).

HUGO COBO

En representación do FANTBOI – Festival de Cine Fantástico de Sant Boi de Llobregat (Catalunya)

Director do Festival de cinema fantástico de Sant Boi de Llobregat, o Fantboi. Ademais da súa tarefa no festival é director de dúas longametraxes de xénero: Cautivos unha das películas de terror realizadas con menos orzamento en España e Apóstata comedia negra que fai unha forte crítica á Igrexa. Ambas películas están na plataforma Filmin. Experto en realizar cinema lowcost, sen esquecer o guión.

IÑIGO PORTILLO

En representación do Festival Internacional de Cortos y Videoclips Caostica (Euskadi)

Pedagogo e guionista inmerso no ávido mundo da xestión cultural que traballa en dirección de produción e deseño de programación de eventos culturais para a Asociación Caostica como o Festival Internacional de Cortos y Videoclips Caostica, a Mostra Gizazinea e as Xornadas sobre Cultura e Internet Tracking Bilbao.

Coa súa produtora La Córnea Digital coproduciu as curtametraxes Deadly Draw de Nitya López e Utländsk de Alba Lozano, ambos seleccionados no prestixioso catálogo Kimuak coas mellores curtas vascas en 2023 e 2024 respectivamente. No terreo do videoclip produciu os traballos Zerua Irabazi para Bele e Esperoan para Erromintxelak, tamén da man do director Nitya López.

JUSTO EZENARRO

En representación do FANT Bilbao – Festival De Cine Fantástico De Bilbao (Euskadi)

Subdirector de Programación Cultural do Concello de Bilbao, compaxina as funcións inherentes a ese posto coa dirección do festival FANT Bilbao.

Aínda que é Licenciado en Dereito de formación, na súa vida laboral nunca desenvolveu tarefas xurídicas. Dedicouse primeiramente ao ensino do eúscaro e en eúscaro e comezou a súa traxectoria no Concello de Bilbao traballando na área de Participación e Atención Cidadá.

No ano 2007 accedeu á súa actual Subdirección, na que puido traballar nos campos que lle apaixonan: a cultura, en xeral, e o cinema de xénero, en particular.

PEDRO PÉREZ

En representación do PANIC – Festival de Cine de Terror de A Estrada (Galicia)

Creador e organizador do Festival de terror Panic A Estrada que xa vai pola súa XII edición. Ten dirixido varias curtametraxes e documentais coa xa extinta Producciones Trípode.

Ademais, colabora en Radio Estrada dende hai vinte anos como comentarista, entrevistador, crítico e adulador de todo o que teña que ver co audiovisual, cine e televisión.

Autor da Historia da Radio na Estrada e a Historia do Teatro Principal e outras salas do Concello da Estrada sobre as emisoras radiofónicas e cines estradenses nos últimos cen anos.

IVÁN PATIÑO

En representación do FanCine de Lemos, Festival de Géneros Fantásticos de Monforte de Lemos (Galicia)

Licenciado na universidade de León, completa os seus estudos co master de produción MPXA na Coruña e na New York Film Academy de Londres. En 2013 empeza a súa andaina como Produtor de cinema, cultivando grandes éxitos con longametraxes como Os días Afogados, Lúa Vermella ou Idénticas. Tamén dirixe o documental Urbano Lugrís a Travesía do Océano en 2014. Ese mesmo ano convértese en director do FanCine de Lemos, cargo que ocupa desde hai 10 anos. Combina as súas tarefas de produtor e director coas de axente cultural na súa cidade natal, Monforte de Lemos.

Esta actividade conta co respaldo de:

Vigo Film Office (VFO) é un departamento da Fundación Vigo Convention Bureau, entidade sen ánimo de lucro, que promociona a cidade como escenario de rodaxe de producións audiovisuais, asiste ás produtoras e profesionais que elixan Vigo, e estimula o investimento e o desenvolvemento local. En definitiva, ofrecen ás empresas produtoras todas as facilidades para aforrar tempo, esforzo e diñeiro ao rodar na nosa cidade.