| O GFFF – Galician Freaky Film Festival lanza a III edición do seu concurso de banda deseñada.
I O certame está aberto ao ámbito nacional e conta con premios económicos para as mellores obras.
12.05.2025 Subido á parte máis alta da torre do concello, nunha noite de tormenta, o Doutor Vigo agarda o raio que outorgará a vida á súa criatura… Este podería ser o punto de partida dunha das historias participantes no III concurso de banda deseñada impulsado polo GFFF-Galician Freaky Film Festival.
O certame vigués de cinema fantástico e freak volve a o poñer o foco no mundo da banda deseñada co fin ensinar ao gran público o talento que se agocha nesta nobre arte de contar historias.
Novamente o concurso poñerá a proba a creatividade dos autores e autoras convidándoos a que ambienten as súas historietas na cidade de Vigo. Ademais, para este ano no que o GFFF renderá homenaxe aos filmes de ciencia ficción protagonizados por científicos tolos, os organizadores propoñen que o protagonista das historias sexa un particular personaxe bautizado como “Doutor Vigo”, o cal poñerá patas arriba á cidade olívica cos seus tolos experimentos.
A participación está aberta ao ámbito nacional, e poderán participar todos os autores que o desexen ata o próximo 31 de xulio. As bases do concurso poden consultarse na web.
Esta III edición do concurso de banda deseñada do GFFF contará cun gran premio de 300€, dous premios finalistas, cada un cunha dotación de 150€, así como dous accésits que contarán cun pack de produtos cortesía de Norma Editorial.
Estes premios serán outorgados por un xurado formado polos autores Carlos Portela e Xulia Pisón.
As obras gañadoras daránse a coñecer durante a #9 edition do GFFF que terá lugar no C. C. Plaza Elíptica entre os días 19 e 27 de setembro. Durante a entrega de premios presentarase o último número do fanzine do GFFF que contará con algunhas das mellores obras presentadas na convocatoria. No mesmo acto, inaugurarase unha exposición cos traballos escollidos, a cal se poderá ver de xeito exclusivo durante a semana do festival. Nesta publicación tan especial, así como na exposición, o gran público poderá desfrutar dunha chea de viñetas impregnadas polo espírito vándalo e freak da cidade de Vigo.
