| O certame vigués amplía a súa proxección internacional ao entrar na Méliès International Festivals Federation.
| O GFFF forma agora parte do circuíto de competición que decide o premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea.
| O festival obtivo tamén o selo europeo de calidade EFFE (Europe for Festivals, Festivals for Europe).
5.12.2025 | A Federación Internacional de Festivais Méliès (MIFF) anuncia con entusiasmo a incorporación dun novo festival á súa rede: o Galician Freaky Film Festival. O certame vigués únese á MIFF como membro competidor, un paso importante para a visibilidade do cinema fantástico galego a nivel europeo.
Con esta incorporación, Galicia afianza a súa presenza no panorama internacional do cine fantástico, destacando entre as principais rexións culturais que celebran e promoven este xénero. A pertenza á MIFF tamén significa que o GFFF entra a formar parte da competición para os premios Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea a partir de 2026.
Méliès International Festivals Federation: Un selo de prestixio internacional
A MIFF foi fundada hai 40 anos co obxectivo de promover o cine fantástico europeo a nivel mundial. A federación reúne a 33 festivais de 21 países de catro continentes, entre os que se atopan os certames de xénero fantástico máis reputados do mundo, alcanzando unha audiencia global que supera os 900.000 espectadores cada ano. A MIFF organiza as competicións para os premios Méliès d’Argent á mellor película e curtametraxe europea, e tamén outorga o Méliès d’Or ao mellor filme de xénero europeo, elixido entre os gañadores de cada categoría. Neste contexto, a incorporación do Galician Freaky Film Festival representa un recoñecemento á calidade e á singularidade do cine galego, que gaña presenza e relevancia no ámbito internacional.
O Selo EFFE (Europe for Festivals, Festivals for Europe)
Ademais de entrar no prestixioso circuíto dos Méliès, o GFFF – Galician Freaky Film Festival vén de acadar o selo EFFE (Europe for Festivals, Festivals for Europe), un recoñecemento internacional que distingue os festivais máis comprometidos coa excelencia artística e o impacto cultural. Esta distinción sitúa ao GFFF no mapa europeo como referente da creatividade e da innovación audiovisual. O selo pon en valor o labor do festival na difusión de propostas arriscadas e contemporáneas. Con este logro, o GFFF reafirma a súa vocación de conectar Galicia co panorama cinematográfico máis vangardista.
Un futuro brillante para o cine fantástico galego
A obtención destes dous logros coloca a o GFFF – Galician Freaky Film Festival entre os principais exponentes do cine fantástico europeo. Con esta nova etapa, Galicia reafirma a súa vocación de ser un referente cultural, tanto a nivel nacional como internacional, e a súa aposta polo cine de xénero segue a medrar e diversificarse, consolidando a súa posición como un espazo clave para o desenvolvemento e a difusión do cinema fantástico en Europa.
Galician Freaky Film Festival: O festival de cinema máis freak de Galicia
O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis “freak” do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. Este festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo destaca polo seu ambiente único, así como por ofrecer unha moi coidada selección de curtametraxes. Moitas das obras presentadas son estreas absolutas en Galicia, e o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A súa última edición celebrada entre o 19 e o 27 de setembro de 2025 congregou a preto de 4.000 asistentes as súas proxeccións e actividades paralelas.

