O Galician Freaky Film Festival fai un chamamento aos cineastas máis “freaks” para a súa décima edición

| O festival confirma as datas da súa nova edición que terá lugar entre o 18 e o 26 de setembro de 2026.

| Como novidade inclúese o premio Méliès d’ Argent á mellor curtametraxe europea e unha competición para proxectos en desenvolvemento.

| As bases poden consultarse na web do certame.


16.12.2025| O Galician Freaky Film Festival abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa décima edición, ou #X edition, a cal terá lugar entre o 18 e o 26 de setembro de 2026.

A inscrición pode realizarse ata o 11 de maio de 2026 a través das plataformas Filmfreeway e Festhome, ou a través do formulario dispoñible na súa web. As bases completas están dispoñibles na páxina web do festival.

A convocatoria está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2024 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción ou freak. Tamén poderán presentarse curtametraxes dirixidas a público infantil e familiar que queiran formar parte da Sección Oficial Pequefreak, o exitoso festival paralelo ao GFFF que, desde hai cinco anos, mergulla ao público cativo na cultura freak e infunde a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.

Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da décima edición do festival e optarán a algún dos 11 premios outorgados polo público e por un xurado especializado. Como novidade, este ano o GFFF inclúe un novo galardón tras a súa incorporación á Federación Méliés: o Méliès d’Argent ou Méliès de Prata, que se concederá á mellor curtametraxe europea. A obra gañadora participará directamente na competición do Méliés d’Or organizada cada ano pola Federación Europea de Festivais de Cine Fantástico.

No 2025, o GFFF recibiu máis de 750 curtametraxes dos cinco continentes, cos que construíu unha abraiante escolma do máis destacado do audiovisual freak mundial máis recente. Unha selección que, un ano máis, recibiu excelentes críticas por parte dos convidados e do público, quen arropou ferventemente este festival tan singular polo que pasaron máis de 4.000 freaks na súa última edición.

FREAK PITCH: O FUTURO DO CINE FREAK

Outra das novidades para 2026 é a creación do Freak Pitch, un concurso de curtametraxes en fase de desenvolvemento. Os proxectos que queiran participar deberán estar adscritos ao xénero fantástico ou freak e atoparse en fase de pre-produción. Os interesados poderán inscribir as súas propostas a través das plataformas Filmfreeway e Festhome.

Dos traballos presentados, escolleránse oito que terán que ser defendidos polos seus creadores/as ante un xurado profesional durante as datas do festival. Concederanse dous premios económicos de 500€: Premio Freak Pitch ao mellor proxecto freak e o Galician Freak Pitch ao mellor proxecto galego.

Con esta nova iniciativa, o GFFF busca impulsar a creación de cinema freak e fantástico, favorecendo ademais a produción deste tipo de proxectos de orixe galega.

#X EDITION: CELEBRANDO UNHA DÉCADA DE FREAKISMO

O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis “freak” do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. Este festival internacional de cine fantástico e freak destaca polo seu ambiente único, que  fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. Ademais, ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia, e o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego.

A súa recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición celebrada entre o 19 e o 27 de setembro de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.