O GFFF continúa coa visita de Alberto Vázquez, homenaxe a Luis Barboo, tapas fantásticas, curtas internacionais e cómic freak

| Alberto Vázquez, o cineasta galego con máis premios Goya, presenta o seu novo filme Decorado.

| O festival continúa do 23 ao 27 de setembro na Plaza Elíptica con proxeccións, charlas e exposicións. O programa completo e entradas entán dispoñibles na web do festival.

FOTOGRAFÍAS E MATERIAIS PARA PRENSA

23.09.2025 | A novena edición do Galician Freaky Film Festival encara a segunda semana cunha programación chea de citas imperdibles: a charla do cineasta galego Alberto Vázquez, catro veces gañador do Goya, sobre o proceso creativo da súa nova longametraxe Decorado; a homenaxe ao actor vigués Luis Barboo; nove sesións da Selección Oficial con decenas de estreas; a continuidade do concurso de Tapas Fantásticas; e a entrega de premios do Concurso de banda deseñada.

Alberto Vázquez presenta Decorado

O mércores 24, o público do GFFF terá a oportunidade de coñecer de preto o traballo de Alberto Vázquez, o cineasta galego con máis premios Goya. O ilustrador e director galego leva dúas décadas sorprendendo con obras como Psiconautas, Unicorn Wars e curtas como Birdboy, Sangre de unicornio ou Homeless Home.

Vázquez falará en primicia sobre o seu novo proxecto: Decorado, unha longametraxe de animación inspirada nunha curta homónima coa que xa gañara o Goya. A película, que chegará aos cines o 24 de outubro, pasará previamente por citas de prestixio como o Fantastic Fest e Sitges. No GFFF o cineasta compartirá co público o proceso de creación do filme: desde a creación visual ata os procesos técnicos dunha produción animada tan complexa, que require anos de traballo colectivo.

Coas súas películas anteriores Alberto Vázquez construíu un universo propio recoñecido dentro e fóra de España. Gañador de catro premios Goya, foi seleccionado e premiado en festivais como Cannes, Toronto, Annecy ou Clermont-Ferrand. 

Barboo, o vigués que camñou coas estrelas (de Hollywood)

O martes 23 o GFFF rende homenaxe ao actor e especialista vigués Luis Barboo (1927-2001), un descoñecido que participou en preto de 150 películas do spaghetti western e do fantaterror español. A súa carreira levouno a compartir pantalla con estrelas como Clint Eastwood, Kirk Douglas, Charlton Heston, Sean Connery, Raquel Welch, Christopher Lee ou Arnold Schwarzenegger. O seu papel máis importantes foi como “o Roxo” en Conan, el Bárbaro (John Milius, 1982).

A homenaxe incluirá a proxección de Conan, the Barbarian nos Cines Tamberlick ás 22:00h e, antes, o coloquio Luis Barboo: o vigués que camiñou coas estrelas na Sala Apo’strophe, conducido por Miriam P. Álvarez (subdirectora do GFFF) e o escritor Josiño Araujo, que están a preparar unha curta documental sobre a súa figura.

Continúa o roteiro de Tapas Fantásticas

Ata o 26 de setembro segue en marcha o Roteiro Gastronómico Freak, no que cinco restaurantes da cidade ofrecen Tapas Fantásticas inspiradas no cine de ciencia ficción. O público pode degustalas, votar a súa favorita a través dun QR e optar a premios como entradas para a clausura do festival, coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, e unha cea para dúas persoas no establecemento gañador.

  • La Revoltosa (Rúa Cruz Branca, 5): Revolto de Miolos (El cocinero, el ladrón, su mujer y su amante)
  • El Estribo (Rúa do Ecuador, 38): Croquetas Aracnobaby (Aracnofobia)
  • Mocca (Rúa de Nicaragua, 23): Merlina’s Hot Dog (Wednesday)
  • El Bar (Rúa do Doutor Cadaval, 11): Gilda Vudú (Muñeca Vudú)
  • Lume de Carozo (Rúa Joaquín Yáñez, 5): Pambazito do Inframundo (Hellboy)