O GFFF expande a súa pegada internacional tras a súa participación no maior festival de curtas de Asia

| O programador e produtor Ignacio Lago participa no Short Shorts Film Festival & Asia de Tokyo, establecendo conexións estratéxicas co ecosistema cinematográfico asiático.

| A presenza galega no certame xaponés e no norte peninsular abre novas oportunidades de colaboración internacional para o cinema de xénero.

13.06.2025 O Galician Freaky Film Festival (GFFF) continúa consolidando a súa posición no panorama internacional tras a participación do seu programador e produtor Ignacio “Nacho” Lago no 27º Short Shorts Film Festival & Asia (SSFF&ASIA), celebrado en Tokyo entre o 28 de maio e o 11 de xuño. Esta primeira incursión no maior festival de curtas de Asia supuxo un fito histórico para o certame vigués.

A participación de Lago centrouse na mesa redonda “Filmmaker’s Hangout Short Talk”, onde compartiu escenario con programadores de catro continentes, incluíndo figuras como Kang Byunghwa (Busan International Short Film Festival), Naoures Rouissi (Saudi Arabia Film Festival), Sandrine Faucher Cassidy (USC School of Cinematic Arts) e Debo Adedayo (actor e activista nigeriano Mr Macaroni).

Durante a súa intervención, Lago xerou un intenso debate ao abordar a tensión entre as matemáticas da programación de festivais e a ambición creativa. “A duración importa moito para as curtas porque o tempo do festival é limitado“, afirmou, obtendo o recoñecemento unánime dos profesionais presentes.

DESCUBRINDO NOVOS MERCADOS PARA O CINEMA DE XÉNERO

A presenza do GFFF no certame tokiota revelou mercados inexplorados para o cinema de xénero. Tras a sesión, cineastas de Singapur, Francia, Colombia e Corea achegáronse a Lago revelando obras que van desde non-ficción ata “romance fantástico con pantasmas” que non consideraran previamente enviar a festivais específicos de xénero. “Algúns cineastas dixéronme que aínda cando os seus filmes tiñan elementos de fantasía ou ciencia ficción, non se decataran de que podían envialos a festivais de xénero”, explicou Lago. “Varios xa me enviaron as súas curtas fantásticas.”

Esta resposta abre as portas do noroeste europeo aos cineastas asiáticos e suxire oportunidades significativas de expansión internacional para a programación de curtas de xénero.

ALIANZAS ESTRATÉXICAS DE ALTO NIVEL

O networking tokiota produciu conexións estratéxicas con figuras clave da industria de múltiples rexións. Ademais das relacións establecidas con Busan e Arabia Saudí, Lago, produtor e programador do GFFF, conectou con Alberto Calero Lugo, produtor e director de programación do Latin Beat Film Festival (operativo desde 2004), expandindo o alcance potencial do GFFF aos mercados latinoamericanos.

A experiencia no SSFF&ASIA sumada ás alianzas con creadores e responsables doutros festivais supón unha significativa expansión da rede internacional do GFFF, o que impactará directamente na novena edición do festival que terá lugar entre o 19 e o 27 de setembro en Vigo.

DE TOKYO A BARCELONA CON ESCALA EN BILBAO

A máxima do festival de posicionar Vigo no mapa do cinema de xénero mundial, viuse reforzada coa participación da subdirectora do festival, Miriam P. Álvarez, nun dos festivais máis antigos de Euskadi, o Festival Internacional de Cortos y Videoclips Caostica de Bilbao, o cal rematou a súa 23º edición o pasado 8 de xuño. 

Neste encontro, que reforza as alianzas cos festivais de xénero do norte peninsular, Miriam P. Álvarez participou nunha presentación como “festival amigo” na que expuxo como foi a creación e crecemento do GFFF, e na cal o público de Bilbao puido desfrutar dunha obra representativa da última edición do certame vigués, The Heritage do director estadounidense Andrew Rutter.

Estas paradas no SSFF&ASIA e no festival Caostica, non serán as últimas que o equipo do GFFF leve a cabo este verán como xeito de promocionar e expandir a pegada do freakismo vigués, pois os seus responsables formarán parte do xurado de dous festivais da provincia de Barcelona: Juan de Castro, director do festival, participará no Cryptshow Fest de Badalona, e Miriam P. Álvarez, subdirectora do certame, no Fantboi de Sant Boi de Llobregat.