O GFFF serve o seu primeiro Roteiro Gastronómico Freak con cinco Tapas Fantásticas a concurso

| A novena edición do festival, que se celebra do 19 ao 27 de setembro na Plaza Elíptica, estrea un concurso de tapas inspiradas en filmes de fantasía, terror e ciencia ficción.

FOTOGRAFÍAS DAS TAPAS E MATERIAIS PARA PRENSA

20.09.2025 | O Galician Freaky Film Festival amplía este ano a súa programación máis alá das salas de cinema coa estrea do primeiro Roteiro Gastronómico Freak, unha proposta que conecta o espírito do festival coa creatividade culinaria da cidade. Cinco restaurantes vigueses participan no concurso Tapas Fantásticas, ofrecendo creacións únicas inspiradas no cinema fantástico, o terror, a ciencia ficción e o universo freak.

O público poderá probar as tapas de La Revoltosa, El Estribo, Mocca, El Bar e Lume de Carozo  do 18 ao 26 de setembro e votar a súa favorita escaneando o QR dispoñible en cada local. Ademais de decidir quen gaña o título de Olimpo Gastronómico dos Freaks 2025, os comensais poderán gañar entradas para a clausura do festival e unha cea para dúas persoas no establecemento gañador.

As cinco Tapas Fantásticas

  • La Revoltosa (Rúa Cruz Branca, 5)
    Tapa: Revolto de Miolos. Revolto de champiñóns servido no estilo dunha vinoteca underground.
    Referencia cinematográfica: El cocinero, el ladrón, su mujer y su amante (Peter Greenaway, 1989)
  • El Estribo (Rúa do Ecuador, 38)
    Tapa: Croquetas Aracnobaby. Croquetas de bechamel con diferentes opcións de recheo (centolo, polo ou fabada), un prato de fusión galega e arxentina.
    Referencia cinematográfica: Aracnofobia (Frank Marshall, 1990)
  • Mocca (Rúa de Nicaragua, 23)
    Tapa: Merlina’s Hot Dog. Hot dog con espírito dark, que combina estética americana co sabor latino da reina pepiada.
    Referencia cinematográfica: Wednesday (serie Netflix, 2022)
  • El Bar (Rúa do Doutor Cadaval, 11)
    Tapa: Gilda Vudú. Unha reinterpretación da clásica gilda convertida en boneca vudú, pensada para traer só efectos positivos e moito amor.
    Referencia cinematográfica: Muñeca Vudú
  • Lume de Carozo (Rúa Joaquín Yáñez, 5)
    Tapa: Pambazito do Inframundo. Torta mexicana bañada en salsa picante de chile, con recheo de pataca, chourizo, queixo, aguacate e leituga.
    Referencia cinematográfica: Hellboy (Guillermo del Toro, 2004)

Como participar

O público poderá degustar e votar pola súa tapa gañadora do Olimpo Gastronómico dos Freaks 2025. Para iso, cada establecemento dispón dun QR de votación, co que se valorará orixinalidade, presentación, sabor e conexión coa película inspiradora.

Quen probe polo menos o 50% das tapas entrará automaticamente no sorteo dunha cea para dúas persoas no establecemento gañador. Ademais, entre todos os participantes sortearanse entradas para a clausura do festival, que terá lugar o 27 de setembro coa proxección do clásico The Rocky Horror Picture Show.

Premios
O establecemento que cree a tapa máis votada será recoñecido co título de “Olimpo Gastronómico dos Freaks 2025 á Mellor Tapa Fantástica”, ademais dun premio económico de 100 € e promoción especial a través das canles do festival.