| O festival continúa ata o 27 de setembro na Plaza Elíptica con proxeccións, charlas e exposicións. O programa completo e entradas entán dispoñibles na web do festival.
FOTOGRAFÍAS E MATERIAIS PARA PRENSA
25.09.2025 | O Galician Freaky Film Festival (GFFF) afronta a súa recta final cunha fin de semana que promete intensidade e variedade: o encontro de festivais Irmandades do Norte, as últimas sesións da Selección Oficial, a instalación da Feira Freak no corazón da Plaza Elíptica, a irreverente Sesión Onanista, a visita de Alberto Vázquez para falar de Decorado, unha poxa benéfica a favor de AFAGA e unha gran clausura nos Cines Tamberlick coa proxección de The Rocky Horror Picture Show, que colgou o cartel de entradas esgotadas días antes da súa celebración.
Todas as charlas e actividades na Sala Apo’strophe son de balde. As proxeccións realízanse na sala 5 dos Cines Tamberlick e requiren de entrada de pago. Os billetes poden adquirirse na web do festival: galicianfreakyfestival.com.
Irmandades do Norte: encontro e proxeccións
O venres pola mañá celebrarase na Sala Apo’strophe a mesa organizada pola Vigo Film Office e o GFFF, na que participarán representantes de festivais de xénero de toda a península. O obxectivo: fortalecer lazos, compartir experiencias e explorar os retos comúns do cinema fantástico no ámbito ibérico.
Pola tarde, nos Cines Tamberlick, terá lugar unha sesión especial de proxeccións Irmandades do Norte, con curtas seleccionadas polos festivais convidados, que permitirá ao público coñecer tendencias e novas voces do fantástico máis alá das nosas fronteiras.
Selección Oficial: últimos pases
A columna vertebral do festival, a Selección Oficial, continúa este fin de semana con novas sesións cheas de diversidade e atrevemento:
- Co Cu Torcido Vol. 2 (venres, 19:00 h) → humor absurdo, xogos co surrealismo e un xitro final de guión.
- Serie B-estial (venres, 21:00 h) → a cara máis desacomplexada da serie B.
- Humor Freak Vol. 2 (sábado, 16:00 h) → comedias disparatadas para rir sen prexuízos.
- Que Carallo é Isto?! Vol. 3 (sábado, 18:00 h) → o bloque máis extremo e desconcertante e tamén o favorito dos asiduos ao festival.
Feira Freak
Durante a tarde do venres 26 e toda a xornada do sábado 27, a Feira Fantástica e Freak de Galicia (FFFG) instalarase no espazo central da planta baixa da Plaza Elíptica. Un mercado cheo de libros, cómics, xogos, discos, ilustracións e merchandising, convertido no punto de encontro perfecto para que freaks, coleccionistas e curiosos compartan paixóns e descubrimentos. A entrada é de balde.
Sesión Onanista: o segredo mellor gardado
Ás 23:00 h do venres, os Cines Tamberlick acollerán a xa clásica Sesión Onanista, que proxectará un filme bizarro sorpresa. A tradición é clara: “o que pasa na Onanista, queda na Onanista” e nunca se difunde cal foi o filme elixido.
Charla con Alberto Vázquez
O sábado ás 11:00 h na Sala Apo’strophe, o público poderá coñecer de primeira man a Alberto Vázquez, catro veces gañador do Goya e unha das voces máis recoñecidas da animación europea. O cineasta galego falará do proceso creativo de Decorado, o seu novo proxecto de longametraxe animada, que se estreará o 24 de outubro en salas tras pasar por festivais como Fantastic Fest e Sitges. A actividade é de balde ata completar aforo.
Poxa benéfica a favor de AFAGA
Ese mesmo sábado, ás 20:00 h na Sala Apo’strophe, celebrarase un piscolabis seguido dunha poxa benéfica en apoio á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia (AFAGA). As obras subastadas están expostas na sala e foron cedidas por artistas que se inspiraron na temática Mad Doctors para crealas.
Clausura con The Rocky Horror Picture Show
A novena edición do GFFF despedirase o sábado 27 ás 21:30 h nos Cines Tamberlick cunha gala de clausura que incluirá a entrega de premios da Selección Oficial e unha auténtica festa colectiva arredor de The Rocky Horror Picture Show. O filme de Jim Sharman fai 50 anos e o GFFF celebrarao cun pase participativo que xa esgotou entradas días antes do evento e que contará con moitas sorpresas.

