Nesta edición, o festival pretende traer de volta ese espírito nostálxico e de serie B que foi o xerme da primeira edición do festival alá por 2017. Lembremos que a primeira edición do festival (#0 edition) foi unha mostra exclusiva dalgúns dos traballos freaks máis destacados da historia do audiovisual galego con obras como A matanza caníbal dos garrulos lisérgicos, Galactea ou The Last Patrol.

Nesta liña, neste 2024 celebraremos o 20º aniversario dunha das obras dos anos 2000 máis lembradas polos freaks da nosa terra: Toxic Percebe.

Dirixida e escrita por Xabier Jácome e Martín Fiallega, a curtametraxe está ambientada na época da traxedia do Prestige nas nosas costas. Este tráxico suceso é o punto de partida para unha historia na que non faltan o humor, a acción, e a serie B aderezada cunha boa chea de retranca galega.

Vale a pena mencionar, que esta obra supón unha das primeiras aparicións en pantalla dalgúns persoeiros da nosa terra que alcanzarían unha importante relevancia co paso dos anos como son: Federico Pérez, quen interpreta ao percebe tóxico; ou David Amor, o famoso cómico ten unha pequena parte digna de lembrar; sen esquecernos, do protagonista do filme, Antón Axeitos, máis coñecido polo seu nome artístico, Tonhito de Poi, un dos referentes musicais galegos por excelencia.

Durante esta edición do festival realizaremos un pase especial da curtametraxe en compañía dos seus creadores e protagonistas para que nos falen de como foi crear esta obra que xa forma parte do imaxinario colectivo de moitos freaks galegos. É máis, nas redes sociais, pequenas voces xa se preguntan se a recente traxedia dos pellets nas nosas costas pode ser unha motivación para rodar Toxic Percebe 2.

Unha sesión chea de nostalxia, gargalladas e sorpresas que sen dúbida fará as delicias dos máis freaks.

TOXIC PERCEBE

Galicia / 2004 / 24 min.

Xabier Jácome, Martín Fiallega

Na ribeira galega uns narcotraficantes descobren que a súa droga se viu afectada polo fuel derramado polo petroleiro Prestige. Mentres, un grupo de voluntarias chega de Madrid para limpar as praias.

REPARTO: Tonhito de Poi, Federico Pérez Rey, Iria Vázquez, Miguel de Lira.

GUIÓN: Xabier Jácome, Martín Fiallega