TERMINATOR 2: JUDGMENT DAY
Sábado, 28 de Setembro. 22:30h
NEW VIDEODROME CINEMA – CINES TAMBERLICK
Proxección: Versión Orixinal subtitulada en Castelán.
“Terminator 2” conseguiu romper coa frase “segundas partes nunca foron boas”.
O crecente culto que “The Terminator” (1984) tivo nos anos seguintes á súa estrea foi elevándoo á categoría de clásico. Isto, sumado ás súas excelentes vendas no mercado do vídeo, impulsou que os produtores se arriscasen cunha custosa secuela na que investiron un orzamento de 100 millóns de dólares, convertíndoa na película máis cara da historia ata ese momento.
“Terminator 2: Judgment Day” foi un enorme éxito nas salas de cine de todo o mundo e supuxo, novamente como a súa predecesora, un auténtico fito no que a efectos especiais se refire. A creación das escenas nas que aparece o temido T-1000 precisou dun equipo de máis de 35 persoas, 10 meses de traballo e máis de 5 millóns de dólares. Os resultados do equipo encargado dos efectos especiais do filme supuxeron un avance tecnolóxico importantísimo na industria cinematográfica, xa que “Terminator 2” foi unha das primeiras películas en facer un uso extensivo de imaxes xeradas por computadora (CGI).
Clasificar esta película como obra de culto é máis que evidente. Por unha banda, o director James Cameron agasállanos neste filme con algunhas das escenas de acción máis memorables do cine contemporáneo; e pola outra, os seus protagonistas, Arnold Schwarzenegger, Linda Hamilton e Robert Patrick, serán e son sempre lembrados polos tres emblemáticos personaxes que encarnan nesta secuela.
Neste 2024, no que o Terminator é o protagonista da imaxe gráfica do festival e o homenaxeado da edición polo seu 40º aniversario, non podiamos clausurar o 8º ano de GFFF con outro filme que non fose “Terminator 2: Judgment Day”.
Prepárate para revivir unha das secuelas máis impactantes da historia do cine, unha obra mestra que redefiniu o xénero de acción e ciencia ficción. Deixa que o T-1000 che xele o sangue e que o T-800 che faga vibrar cunha aventura que segue sendo tan emocionante coma o primeiro día. Non perdas a oportunidade de ver esta xoia na gran pantalla, onde os seus revolucionarios efectos especiais e as súas trepidantes secuencias de acción cobran vida dunha forma que ningún televisor pode igualar. Únete a nós para celebrar catro décadas dunha saga que cambiou para sempre o panorama cinematográfico!
TERMINATOR 2: JUDGMENT DAY
EUA / 1991 / 135 min.
James Cameron
Proxección: Versión Orixinal subtitulada en Castelán.
Sarah Connor, a nai solteira do rebelde John Connor, está ingresada nun psiquiátrico. Algúns anos antes, un viaxeiro do tempo reveláralle que o seu fillo sería o salvador da humanidade nun futuro -ano 2029- dominado polas máquinas. Cando un novo androide mellorado, un T-1000, chega do futuro para asasinar a John, un vello modelo T-800 será enviado para protexerlle.
REPARTO: Arnold Schwarzenegger, Linda Hamilton, Edward Furlong, Robert Patrick.
GUIÓN: James Cameron e William Wisher Jr.
MÚSICA: Brad Fiedel